Saltar ao contido

Quen somos

Matilde e Alicia, Entre Caixas, facendo da arte unha maneira de ver, escoitar, sentir, comunicar, fortalecer, autodefinirse e, sobre todo, de desfrutar.

Música, danza e teatro, unha linguaxe expresiva común para todas.

Matilde

Profesora de música

Son Matilde Balseiro Blanco e nacín en 1962 en Viveiro (Lugo). Alí comezou a miña andaina musical como saxofonista na Banda Municipal de Música e nunha orquestra de baile que se chamaba Paradise. Fun tamén guitarrista, cantante no coro da parroquia de San Francisco… Aproveitei toda a música que atopaba por Viveiro adiante!
A vida levoume a Santiago e matriculeime no Conservatorio Histórico e na Facultade de Historia. Alí seguín enchendo a miña vida de música: Banda de Música de Calo, Grupo de jazz do Conservatorio Histórico, Coro Universitario de Santiago, Orquestras Zeltia, Avenida, Stella… A miña última formación foi o grupo de pandeireteiras Leilía, coas que andiven polo mundo adiante de xira. Foi unha etapa ben fermosa!
Dende 2005 son profesora de música de Calo, onde dirixo unha escola na que trato de traballar coas emocións e espertar paixóns a través da música, á que tanto lle debo.
A música, coa súa capacidade comunicadora, non só nos axuda nas nosas relacións persoais (fai que as nosas amigas se convertan en compañeiras de viaxe), tamén estimula a nosa atención, a nosa capacidade de concentración e superación, axúdanos a perder os medos e a vergoña, convéncenos de que somos quen de facer moito máis do que pensamos, e, ábrenos a porta dunha linguaxe fantástica para expresar todas esas ideas que andan polas nosas cabezas e non sabemos como compartir.
A música axúdanos a vivir, pero, o máis importante, a música pode facer de todas nós unhas artistas, unhas artistas felices.

Alicia

Profesora de Ballet

Alicia Bautís Balseiro-Profesora de ballet.
Nacín en Santiago de Compostela no año 1999. Foi en 2003 cando comecei a miña formación artística, cursando os diferentes graos da “Royal Academy of Dance”
No 2011 ingresei no Conservatorio Profesional de Danza de A Coruña, onde rematei o meus estudos profesionais na especialidade de danza clásica, no ano 2017. Durante este período de formación realicei diferentes cursos e máster class nas disciplinas de: danza clásica, contemporánea e moderna, así como tamén de repertorio e acondicionamento físico con grandes figuras da danza coma Víctor Ullate ou Carmen Corella.
Dende 2019 dedícome á docencia, tratando de transmitir a miña paixón a todos aqueles corpos inquietos que non deixan escapar as notas dunha canción e senten a necesidade de facer arte sobre elas, amosando un xeito de expresión mais alá das palabras, e, ensinando que, xuntando corpo e alma, pódese debuxar a mais bonita das melodías.
Nunca será demasiado pronto nin demasiado tarde para aprender a bailar.